martes, 8 de marzo de 2016

MOCION CUAC FM PARA APROBAR NO PLENO DO CONCELLO DA CORUÑA

Os Medios Comunitarios, ou Terceiro Sector da Comunicación, son unha realidade recoñecida polos principais organismos intergubernamentais (ONU, UNESCO, UE) como entidades merecedoras de protección e promoción, así como pola maioría dos estados membros da Unión Europea (incluíndo países coma Francia, Italia, ou Reino Unido) e América (Estados Unidos, Canada, Arxentina, Uruguai, Chile).

Segundo definición da Asociación Mundial de Radios Comunitarias (AMARC) e segundo a Resolución do Parlamento Europeo de 25 de setembro de 2008, o Terceiro Sector da Comunicación é aquel que engloba aos medios de comunicación que non son de titularidade pública (xa sexan medios estatais, autonómicos ou locais), nin se encadran dentro do sector privado comercial con ánimo de lucro, reunindo as seguintes características:
  • Son actores privados que teñen unha finalidade social.
  • Están xestionados por organizacións sociais de diverso tipo (asociacións, fundacións, colectivos informais …)
  • Están orientados a satisfacer as necesidades de comunicación e a habilitar o exercicio do dereito á información e á liberdade de expresión das persoas integrantes de comunidades determinadas; sexan estas territoriais, etnolingüísticas ou de intereses, ante as cales son responsables.
  • Son medios abertos á participación o máis ampla posible respecto da propiedade do medio e o acceso á emisión, así coma ás diversas decisións de programación, administración, operación, financiamento e avaliación.
  • Carecen de fins de lucro.
  • Non realizan proselitismo relixioso nin partidista.
O Parlamento Europeo recoñece a importancia estratéxica das emisoras comunitarias no territorio, como garantes da pluralidade informativa, axentes de alfabetización mediática e ferramentas de participación de democratización social. As entidades que desenvolven estes medios non teñen finalidade comercial. Os eventuais beneficios dos exercicios económicos reflicten de xeito íntegro no propio proxecto.

Se ben hai medios do terceiro sector que gozan de suficiencia financeira para poder contratar persoal que dean apoio ás persoas á hora de comunicar , non é este o caso das radios comunitarias galegas, que a día de hoxe desenvolven a súa actividade exclusivamente con persoal voluntario. En Galicia existen cinco emisoras de radio que responden ás características previamente expostas e que
emiten regularmente, ademais de outras dúas que teñen unha actividade máis descontinua. De todas elas, so una ten a sede na nosa cidade: Cuac FM, que comezou as súas emisións o 27 de marzo de 1996 dende o Campus Universitario de A Zapateira en virtude dun convenio de colaboración coa Universidade
da Coruña.

Dende entón pasaron polos seus micrófonos 440 programas, e máis de 1.200 persoas facendo comunicación radiofónica de xeito regular. A súa cobertura por ondas abrangue boa parte da área metropolitana da Coruña, e por Internet pódese escoitar en todo o mundo, sendo a primeira emisora local da cidade que emitiu pola rede tanto en podcasting coma en streaming, e a primeira en
desenvolver aplicacións en mobilidade propias.

Cuac FM desenvolve tamén unha intensa actividade asociativa, sendo cofundadora e sede da entidade máis representativa do sector en todo o estado, a Rede de Medios Comunitarios (ReMC). Tamén é cofundadora da Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias (REGARLIC) e membro da Asociación Mundial de Radios Comunitarias (AMARC), formando parte do seu Consello Asesor en Europa. As actividades de Cuac FM son moitas e ben coñecidas na cidade. Nestes 20 anos desenvolveu obradoiros, palestras, un congreso internacional de medios do terceiro sector, concertos, actividades escénicas, leva adiante un dos concursos de maquetas con máis solera da península ibérica… todo elo
ademais de desenvolver a súa actividade radiofónica diaria.

As radios comunitarias coma Cuac FM atopan a súa causa no dereito a comunicar a través de calquera medio, un dereito humano, proclamado polo artigo 19 da Declaración Universal dos Dereitos Humamos, no artigo 10 do Convenio Europeo de Dereitos Humamos e recollido no artigo 20.1.a da
Constitución Española.

O desenvolvemento lexislativo deste dereito foi tardía no estado español, xa que non se produciu ata a Lei 7/2010 de 31 de marzo, Lei Xeral de la Comunicación Audiovisual, que dá carta de natureza ao Terceiro Sector da Comunicación, a pesar de que este xa levaba existindo en 2010 preto de 30 anos. En concreto, o artigo 4 da lei proclama que “Todas as persoas teñen dereito a que a comunicación audiovisual se preste a través dunha pluralidade de medios, tanto públicos, comerciais como comunitarios que reflictan o pluralismo ideolóxico, político e cultural da sociedade”
Do mesmo xeito, no artigo 32.2 establece que “A Administración Xeral do Estado debe garantir en todo caso a disponibilidade do dominio público radioeléctrico necesario para a prestación destes servizos. (… )”
E por último, na súa Disposición Transitoria 14, apartado 2. prevé que “R espectando os ámbitos competenciais existentes, tanto o procedemento de concesión da licenza coma a concreción do marco de actuación dos servizos de comunicación audiovisual comunitarios sen ánimo de lucro desenvolveranse regulamentariamente nun prazo máximo de doce meses dende a entrada en vigor da presente Lei.”

A tal hora, estes regulamentos continúan sen desenvolverse (acumulando un atraso de case 5 anos sobre o prazo límite que establece a propia lei), a administración xeral do estado non reservou espazo radioeléctrico ningún para estes servizos, nin se outorgou frecuencia algunha na nosa Comunidade Autónoma para os servizos de comunicación comunitarios preexistentes, o que os deixa nunha situación de clara indefensión e inseguridade xurídica.

A Xunta de Galicia adxudicou a través do “concurso público para o outorgamento de licenzas para a prestación de servizos de comunicación audiovisual radiofónica de titularidade privada na comunidade autónoma de Galicia”, resolto o 1 de agosto de 2013, as licenzas de radio en frecuencia modulada d as que dispuña segundo o Plan Técnico Nacional de 2006, sen reservar frecuencia algunha para servizos de radiodifusión comunitarios e por tanto contrariando o mandato da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual de 2010. Esta resolución foi recorrida pola Rede de Medios Comunitarios (REMC), atopándose na actualidade sub iudice no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Atendendo ao exposto anteriormente, solicitamos do Pleno do Concello da Coruña:

  1. Que inste a Administración Xeral do Estado, nomeadamente a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade de Información (SETSI), a habilitar o dominio público radioeléctrico necesario para a prestación dos servizos de comunicación audiovisual comunitarios (art. 32 LGCA). Prevendo distintos ámbitos de coberturas (local, autonómico e estatal) nos distintos soportes (radio e televisión); dando resposta ás solicitudes realizadas polas CC.AA que requiren frecuencias para adxudicar ás entidades que solicitan licenzas de Servizos de Comunicación Audiovisual Comunitarios. E a que establezan o procedemento de concesión de licenzas para os Servizos de Comunicación Audiovisual Comunitarios previsto na DT 14º da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, que xa chega con máis de catro anos de atraso.
  2. Que solicite do Ministerio de Industria e Enerxía os medios de apoio e liñas de financiamento para o desenvolvemento de servizos da sociedade da información sen finalidade lucrativa en cumprimento da Disposición Transitoria 15º da L ei 56/2007, de 28 de decembro, de Medidas de Impulso da Sociedade da Información .
  3. Que reclame da Xunta de Galicia o cumprimento de xeito real, actual e efectivo do artigo 19 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos; a Declaración de Maputo sobre Promover a Liberdade de Expresión, o Acceso á Información e a Emancipación das Persoas; as recomendacións na materia dos Relatores Especiais para a Liberdade de Expresión da ONU e da OSCE (que recomendan o reparto equitativo do espectro radioeléctrico entre medios públicos, privados comerciais e comunitarios); así como a Declaración do Comité de Ministros do Consello de Europa sobre o rol dos medios comunitarios para promover a cohesión social e o diálogo intercultural de 2009; a Resolución do Parlamento Europeo de 25 de setembro de 2008 sobre os medios do Terceiro Sector da Comunicación; os artigos 20.1 apartados a) e d) da Constitución Española; o artigo 4 da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual; e a sección terceira do Decreto da Xunta de Galicia 102/2012. Normas e declaracións todas elas coincidentes no papel socialmente beneficioso e imprescindible que xogan os medios do Terceiro Sector da comunicación.
  4. Que solicite da Secretaría Xeral de Medios da Xunta, e da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, unha reserva de espazo radioeléctrico suficiente, e unhas licenzas de emisión que garantan unhas condicións dignas de prestación dos servizos audiovisuais comunitarios sen ánimo de lucro, en igualdade cos outros operadores, e tendo en conta as peculiaridades do Terceiro Sector da Comunicación.
  5. Que faga unha declaración institucional de apoio a CUAC FM, a radio comunitaria de A Coruña, polo seu labor no eido da alfabetización mediática, o vertebramento do tecido asociativo, a dinamización social e cultural e a especial atención ós colectivos desfavorecidos e á sociedade civil organizada. Tamén pola súa contribución ao Terceiro Sector da Comunicación impulsando a Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias, e a Rede de Medios Comunitarios, a entidade estatal máis representativa do sector, cuxa sede está na nosa cidade.